Neste momento estás a ver 21 de marzo, Día Mundial da Poesía

21 de marzo, Día Mundial da Poesía

“Chove pra que eu soñe (1)
Por ti sobrevivir coa forza necesaria para erixirme en sombra do que fun (2)
Eu tamén navegar (3).”

Estes versos non son meus, pero apropieime deles. Ou máis ben eles se apropiaron de min. Os tres pertencen a tres grandes poetas da nosa terra: o primeiro, a (1) Uxío Novoneyra, o segundo a (2) Lois Pereiro e o terceiro, a (3) Xohana Torres. Podería ser esta unha composición propia do concurso de Poesía en Vertical do EDL, máis non xurdiu buscando lombadas de libros, senón ollando as beirarrúas polas que camiño cada día, preto da miña casa. Xa medio borradas polas pegadas da xente e as condicións climatolóxicas de Lugo, permanecen, aínda así, agochadas pero presentes. Nos días grises, na rutina diaria, nas cabezas gachas do fastío… os versos emerxen sutís máis tórnanse poderosos cando chegan ao corazón. Dando a forza necesaria para evadirse da realidade; o desexo de despregar as alas e recuperar a nosa esencia; a vontade de vivir. Isto é a poesía para min.

Durante a 30ª Conferencia Xeral en París no 1999, a UNESCO declarou o 21 de marzo o Día Mundial da Poesía para celebrar a diversidade lingüística a través da expresión poética e para promover a visibilidade das linguas minoritarias. Non pode haber mellor metáfora do renacer que a entrada da primavera. Así que celebrade o día e buscade a poesía. Florecede.

“Terra. Lingua. Cultura. Dereito á diferenza. Mente aberta ao mundo… e nada
máis.”

Lois Pereiro

Deixa unha resposta