Este 10 de decembro cúmprense 75 anos de Declaración Universal dos Dereitos Humanos baixo o lema Liberdade, igualdade e xustiza para todos e todas (Freedom, Equality and Justice for All / Liberté, égalité et justice pour tous / 尊严、自由、正义,人皆有之 nas tres linguas da escola que son oficiais dentro da Organización das Nacións Unidas). Esta declaración, que consta de 30 artigos, foi aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 10 de decembro de 1948 en París, a través da Resolución 217 A (III), como resposta directa ao holocausto xudeo e outros crimes de lesa humanidade que tiveron lugar durante a Segunda Guerra Mundial. Por primeira vez na historia, proclamábase que os dereitos humanos fundamentais debían protexerse no mundo enteiro, un ideal orientativo que non se chegou a converter en tratado internacional pero que se mantén ata o día de hoxe para salvagardar a paz e a dignidade humana. É, polo tanto, un dos documentos máis traducidos do mundo.
Para conmemorar esta data, desde a biblioteca da EOI de Lugo queremos animarte a reflexionar sobre os dereitos humanos a través deste test elaborado por Amnistía Internacional, así como a través da lectura. Na entrada da biblioteca temos unha exposición de libros recomendados sobre dereitos humanos que podes explorar.
Para poder defender os nosos dereitos máis esenciais, primeiro hai que coñecelos. Deste xeito, seremos capaces de valoralos e posicionarnos con criterio e empatía ante situacións que supoñan unha vulneración dos mesmos máis alá da nosa contorna, xa que son dereitos humanos universais. O artigo 1 da declaración de 1948 é o máis básico. Así e todo, non sempre se cumpre. O citamos nas tres linguas da escola que son oficiais dentro da Organización das Nacións Unidas para telo presente:
All human beings are born free and equal in dignity and rights. They are endowed with reason and conscience and should act towards one another in a spirit of brotherhood.
Article 1 (Universal Declaration of Human Rights)
Tous les êtres humains naissent libres et égaux en dignité et en droits. Ils sont doués de raison et de conscience et doivent agir les uns envers les autres dans un esprit de fraternité.
Article 1 (Déclaration universelle des droits de l’homme)
人人生而自由,在尊严和权利上一律平等。他们赋有理性和良心,并应以兄弟关系的精神相对待。
第一条 (《世界人权宣言》)
Todos e todas merecemos un mundo no que as desigualdades deixen de ser protagonistas. Hoxe en día, 75 anos despois de ser proclamada a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, atopamos moitos exemplos que constatan unha vulneración destes dereitos fundamentais, a pesar de seren universais e iguais para todo ser humano por natureza. Con todo, podemos ver o vaso medio cheo ou medio baleiro. Nós confiamos na educación como medio para tomar consciencia e actuar.
A educación en dereitos humanos ocúpase de informar e dar a coñecer as normas legais que existen en materia de dereitos fundamentais, co obxectivo último de fomentar a reflexión sobre o sistema de valores das nosas sociedades. Pero non se limita a impartir coñecementos sobre dereitos humanos: o que busca realmente é cambiar actitudes e comportamentos, desenvolvendo nas persoas novas inquedanzas sociais que lles permitan pasar á acción. Así nace a Rede de Escolas polos Dereitos Humanos, apoiada por Amnistía Internacional mediante unha colección propia de recursos didácticos que permiten traballar a educación en dereitos humanos en diferentes etapas do currículo escolar.