Estamos renovando a imaxe da biblioteca na rede e pensamos na posibilidade de incluír un slogan que resuma en poucas palabras o que significa este espazo sociocultural para a comunidade educativa. O diccionario da Real Academia Galega define “slogan” como “frase breve ou texto curto con certa orixinalidade usado na propaganda comercial, política etc”. A nós interésanos un slogan que transmita a relación emocional do alumnado coa biblioteca e as actividades que se realizan nela, que permita promover este espazo entre as persoas que aínda non o coñecen en profundidade.
Participa
Se tes algunha idea de slogan, podes compartila con nós escribindo o texto, xunto co teu nome e correo electrónico, nun dos papeis vermellos que atoparás na entrada da biblioteca, xunto a unha caixa verde. Introduce aí a túa proposta e participa nesta iniciativa. Todas as persoas participantes recibirán algún agasallo da biblioteca.
En que idioma escribo o slogan? Nesta primeira selección, escolleremos un slogan en lingua galega que logo será traducido e adaptado a outros idiomas da escola, tamén coa colaboración do alumnado.
Hai algún prazo? Todo concurso de ideas debe ter un período de achegas. Neste caso, a caixa verde estará aberta para propostas de slogan ata o vindeiro 1 de decembro.