Neste momento estás a ver Alfabetización Mediática e Informacional, competencia esencial para a democracia no século XXI

Alfabetización Mediática e Informacional, competencia esencial para a democracia no século XXI

As novas tecnoloxías da información e da comunicación avanzan a ritmo vertixinoso, de tal xeito que as sociedades afrontan desafíos constantes para comprender e controlar os efectos que ten o seu uso nos distintos ámbitos, desde o político e legal ata o psicolóxico e cognitivo. Cada vez estamos máis familiarizadas con expresións como fake news, alternative facts e deep fake, que implican unha perversa e sistemática manipulación a base de algoritmos, big data e machine learning, os novos mantras na xestión da información. Dentro do actual ecosistema de medios sociais, onde todas somos consumidoras e mediadoras de mensaxes instaladas no que se vén chamando echo chamber (cámara de eco), estes fenómenos teñen un impacto enorme na nosa interpretación da realidade –o relato–, no noso pensamento –o discurso– e mesmo na nosa conduta social. Hoxe en día observamos esta manipulación informativa a nivel global nos conflitos de Oriente Medio e Ucraína, pero hai poucos meses saía á luz en España o escándalo da creación e difusión de espidos falsos de rapazas con intelixencia artificial. As fake news e os bots forman parte das campañas electorais desde hai tempo, sendo casos de estudo as victorias do Brexit en Reino Unido, de Donald Trump en Estados Unidos e de Jair Bolsonaro en Brasil.

Neste contexto, a alfabetización non se reduce ás capacidades de lectura, escritura e cálculo, senón que se estende polo eido dixital. O mundo contemporáneo demanda habilidades técnicas, cognitivas, sociais, cívicas, éticas e creativas para acceder aos medios e á información, analizar os contidos con sentido crítico e utilizalos de maneira eficaz, así como crealos e compartilos de xeito seguro e responsable. Este conxunto de competencias está relacionado coa alfabetización mediática e informacional.

Desde 2011, a UNESCO promove a Semana Mundial da Alfabetización Mediática e Informacional nos últimos sete días do mes de outubro. Este ano celébrase baixo o tema de “Alfabetización mediática e informacional nos espazos dixitais: Unha Axenda Global Colectiva”. Na EOI de Lugo sumámonos a esta celebración e animamos a tomar consciencia. A UNESCO, na súa web, ofrece ferramentas para a autoaprendizaxe neste eido, como os cursos gratuítos en liña MIL Massive Open Online Courses, que se poden realizar en varios idiomas.

Na biblioteca tamén incorporamos ao catálogo recentemente títulos como “O inmigo coñece o sistema” (Factoría K de libros), tradución ao galego dun ensaio no que a xornalista Marta Peirano mergulla na economía da atención que impera na sociedade dixitalizada. Se queres recomendar algunha lectura ou compartir algunha reflexión persoal sobre este tema, escribe un comentario!

Deixa unha resposta