O 21 de febreiro celebramos o Día Internacional da Lingua Materna, coa fin de promover a diversidade lingüística e cultural, así como preservalas, protexelas e fomentar o seu uso para que continúen a formar parte do patrimonio cultural e intelectual da nosa sociedade. Esta conmemoración pretende reflectir sobre a importancia das linguas maternas na nosa identidade, e darnos a tarefa de valoralas e transmitilas entre xeracións, evitando así que desaparezan.
O Día Internacional da Lingua Materna é unha data declarada pola UNESCO dende hai 25 anos, en honra aos estudantes de Bangladesh que protestaron en recoñecemento da súa lingua materna, o bengalí, como lingua oficial dende 1952. Durante as protestas, coñecidas como o Día do Movemento pola Lingua, varios estudantes foron asasinados mentres defendían o seu dereito a falar nesa lingua. Esta traxedia marcou un fito na historia da
lingua e a identidade cultural, servindo como recordatorio da importancia de protexer e promover as linguas do mundo, que aportan un grande valor á nosa interculturalidade.
Debemos destacar que cada día desaparecen milleiros de linguas ou dialectos, morrendo con cada unha delas un sistema de comunicación, parte da súa identidade, tradicións, poboación e patrimonio cultural. Outras tantas linguas están en perigo de extinguirse debido aos avances e transformacións culturais que nos rodean, así como por non teren políticas lingüísticas inclusivas, podendo acabar este século ca metade das linguas que hoxe están
aínda vivas. Algúns dos motivos polos que se constatan as desaparicións das linguas poden ser ou por conflitos militares e culturais, facendo que esas persoas emigren e adapten unha nova lingua; ou ben por medo a ser rexeitados e excluídos pola sociedade ao falar a súa
lingua materna, deixándoa de lado.
A lingua materna é o noso vehículo de comunicación e pensamento acadado nos nosos primeiros anos de vida. Chámase materna, debido a que eran as nais as que lles ensinaban a lingua ás fillas e fillos nas comunidades primitivas, mentres os pais saían a prover alimentos. Cada lingua materna forma parte da cultura e da identidade dunha persoa, e a conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna cría o pretexto para promover a
diversidade lingüística e inclusión cultural en todas as áreas da sociedade, facendo que sexamos mais libres, respectuosos e tolerantes, e que así se protexa a diversidade cultural.
Para preservar e revitalizar as linguas maternas, é necesario implementar políticas lingüísticas inclusivas que recoñezan e protexan a diversidade lingüística, incluíndo a educación bilingüe, o apoio á literatura, os xogos lúdicos ou ós medios de comunicación en linguas minoritarias, entre outras. Na Galiza, o Decreto do plurilingüismo, que conta xa con 14 anos, non axudou ao crecemento do galego, ás súas competencias ou á súa protección.
Hoxe é un día para conmemorar a riqueza das linguas, a diversidade cultural, e a importancia de protexelas e promovelas, contribuíndo á preservación do patrimonio cultural da humanidade, xa sexan linguas maternas ou linguas que imos aprendendo ao longo da nosa vida. Estas últimas, son consideradas segundas linguas, e na EOI de Lugo temos o privilexio de estar arroupadas por unha grande variedade delas.