Neste momento estás a ver Concurso 25N: pon a proba a túa competencia lingüística e reflexiona!

Concurso 25N: pon a proba a túa competencia lingüística e reflexiona!

Reparaches algunha vez nas letras das cancións que escoitas nos idiomas que están estudando, como o inglés, o francés, o alemán, o portugués, o italiano ou o chinés? Con frecuencia, mesmo os discursos subxacentes das cancións en galego ou castelán pasan desapercibidos. Hai estilos de música que están no punto de mira das persoas máis críticas polas súas letras machistas: o trap no contexto castelanfalante, o rap no contexto francófono ou o funky no contexto lusófono. Mais ao longo da historia da música popular atopamos mensaxes de violencia cara ás mulleres en distintos estilos, así como tamén mensaxes de protesta e resistencia fronte aos estereotipos de xénero que perpetúan as industrias culturais.

Na biblioteca creamos dúas listas de reproducción na conta da EOI de Lugo en Spotify para visibilizar tanto cancións con letras machistas como cancións con letras feministas en distintas linguas. Podes escoitalas premendo nas ligazóns.

Hai música actual, pero tamén referentes clásicos do pop e do rock que poden sorprendervos. A partir desta selección de cancións en alemán, chinés, francés, galego, inglés, italiano e portugués preparamos un concurso para o alumnado ao que podes acceder a través da aula virtual da EOI de Lugo. Atoparás varias probas, unha para cada idioma, sobre as cancións das mencionadas listas de reproducción en Spotify. Dámosvos uns versos dunha canción e tres opcións, das que soamente unha é correcta. Vós tedes que identificar a canción correspondente a esa letra. Só hai un intento en cada proba, así que pensade ben as respostas antes de enviar. Con todo, é posible participar en todas as linguas para ter máis posibilidades de gañar o premio final. Efectivamente, este concurso ten agasallo. Entre os alumnos e as alumnas con máis acertos realizaremos un sorteo para escoller ao gañador ou á gañadora. Tedes de prazo entre o 24 de novembro e o 10 de decembro para realizar as probas!

Deixa unha resposta