Neste momento estás a ver Día das Escritoras 

Día das Escritoras 

Dende o ano 2016 celebramos o Día das Escritoras o luns máis próximo ao 15 de outubro, festividade de Teresa de Jesús, co obxectivo de poñer en valor o labor e o legado das mulleres escritoras ao longo da historia. Nesta VIII Edición celebrada hoxe, 16 de outubro, o tema escollido é “o pracer, a alegría e a risa das mulleres”.

A escritura semella estar, a miúdo, ligada ao sentimento de saudade. De feito, moitas grandes escritoras están asociadas, no noso foro interno, á figura de mulleres senlleiras, excluídas, vítimas da sociedade e das circunstancias que lles tocaron vivir. Non obstante, hoxe é un día para celebrar o empoderamento, a liberdade e a ledicia de realizar aquelas actividades que nos producen pracer, e de facelo sen adiamentos, remorsos ou xustificacións. Unha maneira de honrar a todas as mulleres que dan renda solta as súas paixóns buscando o pracer, a ledicia e a risa a través da escrita ou da súa forma de vida. E por suposto, ás que viñeron antes ca nós, que mesmo en circunstancias adversas, tiveron a valentía de escribir, de levar a cabo unha actividade que con toda seguridade, desexaban facer e lles daba pracer. Brindemos polo sorriso de Virginia Woolf.

Nunha xornada coma hoxe, invitámosvos a achegarvos á nosa biblioteca e gozar da exposición de obras de escritoras en todas as linguas da escola. Ademais, animádevos tamén a descubrir a selección de textos de escritoras galegas realizado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares. Agardámosvos!

A celebración do Día das Escritoras é unha iniciativa organizada pola Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mulleres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas, que promove a igualdade entre homes e mulleres na cultura. Nesta VIII Edición colaboran ademais a Asociación Colexial de Escritores (ACE) e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO).

Deixa unha resposta