Neste momento estás a ver Día das Letras Galegas: Luísa Villalta, agora e sempre

Día das Letras Galegas: Luísa Villalta, agora e sempre

Un ano máis chegamos á data sinalada das Letras Galegas, que levamos celebrando ininterrompidamente dende 1963. Aquel ano, e aínda en plena ditadura, homenaxeouse a figura da grande autora das nosas letras, a cerna mesma da nosa literatura moderna: Rosalía de Castro. Cumpríanse cen anos da publicación do poemario Cantares Gallegos, unha obra que marcou o Rexurdimento da literatura galega despois de varios Séculos Escuros.

Durante os últimos 61 anos de historia foron homenaxeadas seis decenas de autores e autoras. A Real Academia Galega recolle unha listaxe de nomes, na que destacan figuras ilustres do Rexurdimento de finais do século XIX e dos movementos intelectuais do nacionalismo galego de principios do século XX, como as Irmandades da Fala e o Grupo Nós. Con todo, deberán pasar 24 anos para que unha muller volva ser recoñecida no Día das Letras Galegas despois de Rosalía de Castro. Esta muller é Francisca Herrera Garrido, escritora e membro da Real Academia Galega desde 1945, cunha obra moi rosaliana. Malia achegarnos ao cambio de século e termos máis consciencia sobre a igualdade de xénero, as Letras Galegas non volverían reivindicar a obra dunha autora ata o ano 2007, con María Mariño, unha poeta inspirada polo Courel e a súa amizade co tamén poeta da montaña Uxío Novoneyra.

Na primeira década do século XX atopamos xa fillos e fillas da postguerra que escribiron a súa obra nos anos setenta, oitenta e noventa, figuras máis contemporáneas que experimentan, innovan e dialogan co eu e coa sociedade desde diferentes perspectivas. Lois Pereiro é homenaxeado en 2011, e Xela Arias dez anos máis tarde, en 2021. Ambos os dous, poetas de curta vida, representan a Movida viguesa dos anos de Transición. Nesta liña tamén se sitúa Luísa Villalta, a autora que é homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024. Ao igual que Xela Arias, este recoñecemento institucional está permitindo coñecer e reivindicar a súa obra multidisciplinaria nun contexto cultural diferente, o da Coruña dos anos noventa.

Violinista profesional, Villalta cultivou o ensaio, a poesía, a narrativa e mesmo o teatro. Os seus textos amosan un coidado uso da palabra, así como un pouso filosófico e un espírito innovador que entroncan a súa obra literaria coas vangardas artísticas do primeiro terzo do século XX. Morreu moi nova, con 46 anos, e como tantos docentes que dedican o tempo libre á escritura pola precariedade do oficio, os seus textos, mesmo aqueles premiados e editados no seu momento, permaneceron no esquecemento ata hoxe. Este é quizais o gran valor de celebrar o Día das Letras Galegas. Non só é unha xornada de reivindicación de dereitos lingüísticos, senón que promove a reedición de obras xa descatalogadas e difíciles de atopar nas librarías e bibliotecas. Nos últimos meses saíron do prelo numerosas obras de Luísa Villalta que xa temos no catálogo da biblioteca da EOI de Lugo dispoñibles para préstamo: “Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004)”, editado por Armando Requeixo para Galaxia; “As palabras ingrávidas”, coidada e pioneira edición do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; “Narrativa reunida (1991-2001)”, publicado por Galaxia; “As chaves do tempo”, novela curta reeditada por Cuarto de Inverno; ou “O outro lado da música, a poesía”, ensaio fundacional para descubrir o pensamento e o sentido estético desta autora. Aproveitando a ocasión, tamén atopamos libros sobre Villalta que recoñecen a súa contribución á literatura e á cultura galega. Xurxo Souto publicou en Xerais “Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta”, no que reflexiona sobre a tradición musical de Galicia a partir das premisas de Villalta no ensaio “O outro lado da música, a poesía”. Esperanza L. Mariño Dávila tamén asina estes días “As escumas da letra. Bibliografía de Luísa Villalta”, no que se afonda nas relacións da autora coa Coruña e o seu momento histórico.

Desde a biblioteca da EOI de Lugo animamos a ler a Luísa Villalta. Os libros escríbense e edítanse para ser lidos, por iso ler a súa obra é a mellor homenaxe que lle podemos facer a Luísa Villalta e aos demais escritores e escritoras que foron recoñecidos/as e serán recoñecidos/as cada 17 de maio en Galicia.

Deixa unha resposta