Neste momento estás a ver Día Internacional contra a Homofobia, Bifobia e Transfobia

Día Internacional contra a Homofobia, Bifobia e Transfobia

O 17 de maio, alén das Letras Galegas, celebramos o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia. Por que precisamente esta data?

Esta celebración entrou na axenda de días internacionais hai vinte anos. A data foi escollida en lembranza do 17 de maio de 1990, cando a Organización Mundial da Saúde (OMS) retirou a homosexualidade da súa listaxe de enfermidades mentaisEn 2004 iniciouse unha campaña para visibilizar o 17 de maio e coordinar todo tipo de accións para denunciar a discriminación do colectivo de persoas homosexuais, bisexuais e transexuais. A primeira celebración oficial desta data foi en 2005, e desde entón o Día Internacional contra a LGTBIfobia, como tamén se denomina, é unha xornada de reivindicación de dereitos para avanzar cara a igualdade.

Se observamos a situación dos países europeos, pode parecer que avanzamos moito en pouco tempo: en España, o matrimonio igualitario data de 2005 e as identidades de xénero tamén foron recoñecidas por lei. Con todo, en Rusia están librando unha cruzada institucional contra o movemento LGTBIQ+, criminalizando as súas reivindicacións, e a prohibición da homosexualidade esténdese por outros países do mundo. Desde o ano 2006, a Asociación Internacional de Lesbianas, Gays, Bisexuais, Trans e Intersex (ILGA), con sede na Suíza, publica un informe sobre a homofobia promovida polo Estado (State-Sponsored Homophobia: Global Legislation Overview). Na súa última actualización, do ano 2020, dedica especial atención á pena de morte como castigo por actos sexuais consensuados entre persoas do mesmo sexo. Identifícanse ata trece Estados membros da Organización das Nacións Unidas (ONU) que inclúen a pena de morte para casos de homosexualidade no seu marco xurídico, entre os que figuran Irán, Arabia Saudita, Catar ou Emiratos Árabes Unidos.

Existe risco de retroceso en liberdades e dereitos. O perseguimento institucional do colectivo LGTBIQ+ en Rusia e outros países da Europa central e oriental como Polonia así o demostran. Nesta data, polo tanto, convén reflexionar sobre a situación actual. No libro “A condición homosexual” (1999), o teólogo e escritor galego Xosé Chao Rego afirma que todas as persoas teñen unha tendencia variable e son poucos os casos nos que as persoas poden considerarse homo ou heterosexuais ao 100 por cento. As lecturas promoven o espírito crítico, así que vos recomendamos algunhas que están no catálogo da biblioteca da EOI de Lugo e temos expostas na entrada:

Cobiza, de María Reimóndez. Apaixonante novela de ciencia ficción feminista que foi merecedora do I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero organizado polo Concello de Pontevedra e a editorial Xerais.

22 segundos, de Eva Mejuto. Clásico da literatura infantil e xuvenil galega. O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía sendo hora de existir. Ata ese momento só vivira de portas para dentro. Agora xa non había marcha atrás.

Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa, con ilustracións de Alba Barreiro. Aine, de maior, sería igual que Ziggy Stardust, un músico marciano que podía ser todo o que lle dese a gana. Coa axuda de Thomas, o seu inseparable amigo imaxinario, íao lograr.

Identidade, de Nee Barros Fernández. Unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade. O simple acto de nacer marca a nosa vida nun molde que a sociedade se encarga de contornar e puír. Mais, que pasa se nacemos nun molde “equivocado”?

Campo de plumas. Poemas LGTB+ para a mocidade desde a Antigüidade ata hoxe. Escolma e tradución de Jesús Castro Yáñez.

Trans Mission: My Quest to a Beard, de Aleix Bertie. Memorias do youtubeiro británico @Aleix_Bertie. A brave firsthand account of online personality Alex Bertie’s life, struggles, and victories as a transgender teen, as well as a groundbreaking guide for transitioning teens.

Billy Elliot, filme británico dirixido por Stephen Daldry e estreado no ano 2000. Historia ambientada na Inglaterra dos anos oitenta que cuestiona os estereotipos de xénero a partir dun neno apaixonado polo baile.

Deixa unha resposta