O papel da muller na ciencia, a través da historia, foi fundamental no descobremento de grandes achados nos distintos campos como a medicina, física, tecnoloxía e dos que a humanidade continúa a se beneficiar. Estas mulleres dedicaron toda a súa vida á investigación científica pero, en moitos casos, os seus traballos foron acreditados por homes, nunha época onde a muller non era valorada nin considerada importante dentro da sociedade. Porén, o esforzo e o traballo de todas estas mulleres deixaron unha importante pegada nas futuras xeracións e marcaron un antes e un despois na historia da ciencia e da filosofía.
Porque a historia sempre se escribiu en masculino, algunhas ficaron esquecidas moito tempo e outras para sempre. Para que iso non ocurra de novo, dende o ano 2015, cada 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. É unha data proclamada pola Asemblea das Nacións Unidas para xuntar esforzos co obxectivo de acadar o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres e as nenas nos ámbitos científicos. A día de hoxe aínda seguen atopando obstáculos que dificultan a súa presenza en ámbitos científicos e ningún país acadou a igualdade de xénero, por exemplo, só o 12% dos membros das academias científicas son mulleres e elas reciben bolsas de investigación máis modestas.
Se queredes saber máis de como está a situación en España e como se está a traballar no tema da igualdade neste ámbito, aquí tedes enlaces de interés:
AMIT: Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas
Ministerio de Ciencia, sección de igualdade.
Instituto de las Mujeres – Ciencia y Tecnología.
CSIC (Consejo Superior de Investigación y Ciencia). Con respecto ó día 11 febreiro o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) celébrao con multitude de actividades que teñen o firme propósito de visibilizar a contribución das mulleres á ciencia, promover o recoñecemento das científicas de onte e de hoxe, propiciar as vocacións científicas e favorecer a participación das mulleres e as nenas na ciencia e a innovación. Entre as iniciativas deste ano, volven destacar as relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), así como coa construción dunha ciencia verdadeiramente accesible e inclusiva. Charlas, talleres, cinefórums, exposicións, teatro, entrevistas, vídeos divulgativos, certames, coloquios e cuantiosos encontros con científicas en centros educativos son algunhas das máis de 200 actividades organizadas polas investigadoras e os investigadores do CSIC nesta conmemoración.