Este curso 2024/2025, o programa de club de lectura da biblioteca escolar da EOI de Lugo recupera a actividade de ruta literaria. Xa está programada unha excursión pola Ribeira Sacra inspirada na novela O souto dos catro ventos, de María Oruña, para o sábado 26 de abril de 2025. As prazas son limitadas, así que é necesario inscribirse previamente.
RUTA LITERARIA POLA RIBEIRA SACRA
Cando? O sábado 26 de abril de 2025.
En que horario? Saímos ás 8.00h desde a EOI de Lugo cara á Ribeira Sacra e chegamos previsiblemente ás 19.30h a Lugo.
En que medio de transporte? Viaxaremos nun autobús de 25 prazas, aínda que parte do percorrido na Ribeira Sacra realizarase a pé.
Cal é o percorrido? Realizaremos en autobús a ruta Lugo – Ferreira de Pantón – Santo Estevo de Ribas de Sil – Santa Cristina de Ribas de Sil – Lugo, mais tamén camiñaremos polas contornas de Santo Estevo de Ribas de Sil e Santa Cristina de Ribas de Sil para apreciar a espectacular paisaxe da Ribeira Sacra. O nivel de dificultade deste percorrido a pé é baixo.
Cal é o custe desta actividade? A participación nesta actividade require aboar 40€/persoa con comida, ou 25€/persoa sen comida. Inclúese en ambos casos o transporte en autobús, a guía oficial, as entradas aos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil e Santa Cristina de Ribas de Sil, e seguro en caso necesario. Parte do custe desta actividade (transporte en autobús e seguros), con todo, está subvencionado polo programa de Clubs de lectura de Bibliotecas Escolares de Galicia e pola EOI de Lugo. As persoas que opten pola opción sen comida incluída (25€/persoa) deberán levar a súa propia comida, xa que no lugar non hai outros restaurantes próximos dispoñibles nin marxe de improvisación para que o restaurante que ofrece o menú atenda a máis comensais dos esperados.
Cal é o menú da comida? O menú que se inclúe na opción A está valorado en 15€ e consta de dous pratos máis pan, bebida, sobremesa e café. Para o primeiro prato hai que escoller entre caldo de grelos, empanada de carne, arroz con chipiróns e ensaladilla rusa; para o segundo prato hai que escoller entre tenreira ao forno, carrilleiras de porco guisadas, polo asado e merluza en salsa. É necesario reservar a comida con antelación.
Quen pode participar? Esta actividade está aberta a calquera membro da comunidade escolar, incluíndo alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, así como familias e antigo alumnado. No caso de que haxa listaxe de agarda, darase prioridade ao alumnado matriculado na EOI de Lugo no curso 2024/2025. No caso de que non se cheguen a completar as prazas, admitirase a participantes alleos á comunidade escolar da EOI de Lugo. As persoas participantes deberán ser maiores de idade. No caso de participantes menores de idade, terán que ir acompañados dun adulto ou requerirase un documento asinado polos pais ou titores. Lamentablemente, esta actividade non é accesible para persoas con mobilidade reducida. Nos espazos que se visitarán non se admiten animais de compañía, aínda que si cans-guía.
Que debo facer para inscribirme? Primeiramente cómpre enviar un correo electrónico a eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal solicitando a inscrición e indicando os seguintes datos: nome e apelidos, data de nacemento, teléfono e enderezo de correo electrónico, e situación en relación á EOI de Lugo (alumnado e curso no que se está matriculado actualmente, antigo alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos, familias, sen relación directa coa EOI de Lugo). Para que a inscrición sexa efectiva, haberá que aboar na biblioteca escolar da EOI de Lugo o 50% do custe da actividade (20€/persoa ou 12,5€/persoa, segundo a opción de participación escollida) en concepto de reserva antes de que finalice o prazo de inscrición. O día da actividade pagarase o restante 50% antes da saída.
Cando remata o prazo de inscrición? Por motivos organizativos, pecharemos inscricións para esta actividade o 21 de abril de 2025.