Neste momento estás a ver Inscríbete para a ruta literaria polo Couto Mixto

Inscríbete para a ruta literaria polo Couto Mixto

Este curso 2025/2026, o programa de club de lectura da biblioteca escolar da EOI de Lugo inclúe novamente unha ruta literaria por Galicia inspirada nunha das novelas escollidas polo departamento de galego: “Pero… como morren as pegas?” (Galaxia, 2025), de Óscar M. Guzmán e ambientada no Couto Mixto, un territorio de fronteira entre Galicia e Portugal que presenta unha historia singular.

Esta actividade está programada para o sábado 9 de maio de 2026, entre as 8.00h e as 20.30h, aproximadamente. O desprazamento entre Lugo e Calvos de Randín, no sur da provincia de Ourense, realizarase por estrada en autobús. No concello de Calvos de Randín coñeceremos o autor da novela, Óscar M. Guzmán, quen nos guiará polo territorio narrativo para descubrir as conexións entre a realidade e a ficción.

Visitaremos escenarios da novela nas aldeas de Santiago de Rubiás, Meaus e Tourém. En Santiago de Rubiás, ademais do Centro de Interpretación do Couto Mixto, visitaremos a igrexa e a sancristía, onde se atopa a Arca das Tres Chaves, un elemento fundamental tanto na historia do Couto Mixto como na propia novela. Durante a ruta tamén percorreremos un treito do Camiño Privilexiado, a vía que permitía o libre comercio sen control fronteirizo nin pagamento de impostos. Este camiño conectaba as aldeas entre si e con Portugal, especialmente coa localidade de Tourém, que tamén forma parte do itinerario. Se o tempo o permite, achegarémonos a pé ata a capela de San Lourenço, outro espazo significativo que aparece na obra. Ademais, contaremos coa presenza do tenente alcalde de Calvos de Randín, coñecedor da historia local, que nos acompañará durante a visita. A súa figura conecta directamente coa novela, xa que un dos personaxes, Cesáreo —home de acordo (denominación que recibían os representantes ou mediadores locais)— está inspirado na súa persoa.

COMO INSCRIBIRSE?

Cando? O sábado 9 de maio de 2026

En que horario? Saíremos ás 8.00h desde a EOI de Lugo cara ao concello de Calvos de Randín e chegaremos previsiblemente ás 20.30h a Lugo.

En que medio de transporte? Viaxaremos en autobús, aínda que parte do percorrido polo Couto Mixto realizarase a pé.

Onde comemos? Realizaremos reservas de menú nun restaurante local.

Cal é o custe desta actividade? A participación nesta actividade require aboar 20€/persoa, en concepto de reserva e comida. Se non se desexa comer en restaurante, pódese levar a comida de casa e o día da ruta devolveranse os cartos da reserva ás persoas que se inscribiron sen comida incluída. Con todo, a organización non pode dar garantías de que exista un lugar cómodo preto do restaurante para comer ao aire libre, polo que as persoas que escollan a opción sen comida incluída deberán adaptarse.

Parte do custe desta actividade (transporte en autobús e seguros) está subvencionado polo programa de Clubs de lectura de Bibliotecas Escolares de Galicia e pola EOI de Lugo.

Cal é o menú da comida? O menú está valorado en 20€ e consta de dous pratos máis pan, bebida, sobremesa e café. Será necesario escoller as preferencias con antelación, pero a organización contactará coas persoas inscritas.

Quen pode participar? Esta actividade está aberta a calquera membro da comunidade escolar, incluíndo alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, así como familias e antigo alumnado. No caso de que non se cheguen a completar as prazas, admitirase a participantes alleos á comunidade escolar da EOI de Lugo. As persoas participantes deberán ser maiores de idade. No caso de participantes menores de idade, terán que ir acompañados dun adulto ou requerirase un documento asinado polos pais ou titores. Lamentablemente, esta actividade non é accesible para persoas con mobilidade reducida. Nos espazos que se visitarán non se admiten animais de compañía, aínda que si cans-guía.

Que debo facer para inscribirme? Primeiramente cómpre enviar un correo electrónico a eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal solicitando a inscrición e indicando os seguintes datos: nome e apelidos, data de nacemento, teléfono e enderezo de correo electrónico, e situación en relación á EOI de Lugo (alumnado e curso no que se está matriculado actualmente, antigo alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos, familias, sen relación directa coa EOI de Lugo). Para que a inscrición sexa efectiva, haberá que aboar na biblioteca escolar da EOI de Lugo 20€ en concepto de reserva antes de que finalice o prazo de inscrición. 

Cando remata o prazo de inscrición? Por motivos organizativos, pecharemos inscricións para esta actividade o 24 de abril de 2026.