Un ano máis celebramos en todo o mundo o Día Internacional da Muller. E un ano máis segue sendo necesario e seguirao sendo até non acadarmos unha igualdade real en todos os ámbitos da vida: cando unha muller poida saír á rúa sen medo, cando poida exercer calquera oficio nas mesmas condicións ca os compañeiros masculinos, cando non sigamos facendo reconto de vítimas neste goteo feminicida…
Emprender accións a prol da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres é necesario, útil e, aínda máis, imprescindible. Non sempre somos conscientes das situacións de desigualdade porque vivimos nunha sociedade esencialmente patriarcal e machista e nela fomos educadas e educados todos nós. Por exemplo, consideramos normal o feito de seren as mulleres maioritarias no sector dos coidados a persoas maiores, dependentes ou menores de idade. Estas situacións, que chamamos “micromachismos”, envolven unha espiral que, no seu cumio, pode chegar ao feminicidio. Incidindo en desfacer esta base, axudaremos a evitar aquela terrible consecuencia.
A nivel legal, a igualdade entre homes e mulleres recoñécese coma un dereito fundamental na Constitución española de 1978, no seu artigo 14: “Os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”. É importante termos en conta que, ata chegar ao logro de moitos dos dereitos acadados na actualidade, houbo que transitar un longo camiño de superación de prexuízos, obstáculos sociais e impedimentos legais que atrancaron a consecución e o exercicio dos dereitos por parte das mulleres: dereito á educación, á cidadanía, ao sufraxio, á propiedade, ao emprego, á integridade física e á saúde sexual e reprodutiva. As fendas de xénero persisten e os avances danse de forma moi tímida e lenta en moitos ámbitos, e a consolidación de moitos dereitos segue a estar cuestionada ameazada seriamente. Debemos defender os dereitos adquiridos e afianzar pasos, por pequenos que parezan, de cara á completa igualdade de todas as persoas, en harmonía coa natureza e o planeta que cohabitamos.