Un ano máis, a biblioteca da Escola Oficial de Idiomas de Lugo organiza un mercado solidario de libros, CDs e DVDs que comeza hoxe venres, 5 de abril, e durará ata o venres 24 de maio. Nesta edición, a recadación do noso mercado irá destiada á Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo. Atoparedes os nosos artigos nos estantes centrais e o seu prezo estará indicado con tres cores: 2 euros, 5 euros e 8 euros.
Ademais, se realizades unha compra superior a 5 euros poderedes levar de regalo un libro da nosa sección de ofertas especiais.
O benestar animal, unha causa verdadeiramente digna
A nosa elección da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo vén motivada polo noso compromiso de contribuír ao benestar dos animais abandonados na nosa provincia. A Protectora de Lugo ten urxentes necesidades de mellora, tanto no que respecta á reforma das instalacións, que teñen máis de 40 anos de antigüidade, como aos problemas de espazo, debido ao gran número de gatos e cans que son abandonados anualmente. Cremos firmemente que unha sociedade avanzada debe respectar e coidar da vida animal. Unha vez que decidimos adoptar un animal doméstico debemos ser conscientes de que adquirimos un compromiso de por vida cun ser que sente e sofre e que depende totalmente de nós, pero iso si, que tamén nos aportará a compaña e o amor máis verdadeiro que poidamos imaxinar.
Visitade a páxina https://protectoralugo.org e animádevos a coñecer a todos os marabillosos cans e gatos que están agardando unha oportunidade. Tedes a opción de adoptar, acoller (se podedes ofrecer temporalmente un fogar a un destes animais) ou apadriñar, se queredes colaborar economicamente no seu coidado. Ademais, outra axuda moi valiosa consiste en unirse ao voluntariado, indo ás instalacións para facer compaña e/ou pasear aos numerosísimos gatos e cans albergados alí e, deste xeito, contribuír a garantir o seu benestar físico e emocional, xa que desafortunadamente teñen que pasar demasiado tempo nos canís. Recompensaranvos con todo o amor, a ledicia e a dozura que son capaces de dar (que é moita). E se lles levades unha lambetada, aínda mellor.
Achegádevos ao noso mercado e botádelle unha ollada a todos os materiais dos que dispoñemos, clasificados por linguas. Seguro que atopades libros interesantes ao mesmo tempo que apoiades unha causa verdadeiramente digna.