Neste momento estás a ver Na biblioteca tes unha Cita ás cegas cun libro

Na biblioteca tes unha Cita ás cegas cun libro

As persoas máis familiarizadas coa biblioteca escolar de seguro que xa observaron os numerosos libros que están agardando por unha Cita ás cegas xunto ás fiestras. Un ano máis, o equipo de biblioteca propón esta actividade de promoción da lectura durante as vacacións de Nadal e sorterá unha comida ou cea para dúas persoas nun restaurante de Lugo entre os alumnos e as alumnas que realicen préstamos sorpresa e valoren a lectura a través dunha tarefa escrita ou oral na Aula Virtual. Os préstamos da actividade Cita ás cegas poderán realizarse en persoa na biblioteca entre os días 2 e 20 de decembro, mentres que a tarefa para participar no sorteo poderá entregarse entre o 9 de decembro e o 19 de xaneiro ás 23.59h a través da Aula Virtual (no espazo específico de Biblioteca, que aparece como un curso máis no que se está matriculado/a).

BASES DO CONCURSO CITA ÁS CEGAS 2024/2025

1. ORGANIZACIÓN. A actividade está organizada pola Biblioteca da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, que pode ser contactada a través de correo electrónico [eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal].

2. PROPÓSITO E PÚBLICO OBXECTIVO. Trátase dunha actividade de promoción da lectura e implicación da comunidade escolar que inclúe un sorteo entre todas as achegas de tarefas relacionadas con préstamos de Cita ás cegas. Admítese a participación de todo o alumnado matriculado na Escola Oficial de Idiomas de Lugo no curso 2024/2025, tanto en cursos regulares presenciais e semipresenciais das diferentes linguas e do programa That’s English, como en cursos monográficos e de preparación de exames Celga. 

3. PRAZOS E CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN. Os préstamos de libros da actividade Cita ás cegas deberán realizarse presencialmente na biblioteca entre os días 2 e 20 de decembro de 2024. Poderán realizarse ata tres préstamos simultáneos de libros na mesma ou en diversas linguas. As persoas que desexen participar no concurso deberán realizar e entregar alomenos unha tarefa relacionada cun préstamo na lingua do mesmo a través da Aula Virtual da Escola Oficial de Idiomas de Lugo (curso específico de Biblioteca, no que todo o alumnado está matriculado e ten acceso). A data límite de realización e entrega desta tarefa é o 19 de xaneiro de 2025 ás 23.59h. A tarefa poderá ser realizada e entregada en formato escrito e/ou en formato oral. No caso de realizar varios préstamos da actividade Cita ás cegas nunha mesma lingua e querer entregar unha tarefa correspondente a cada lectura, o número máximo de tarefas entregadas por idioma será de dúas e deberán ser de diferente modalidade (escrita e oral).

4. FORMA DE PRESENTACIÓN. As respostas ás tarefas propostas serán introducidas no formulario da lingua correspondente á lectura (alemán, chinés, español, francés, galego, inglés, italiano e portugués). As respostas deberán estar escritas ou relatadas oralmente na mesma lingua da lectura realizada. As respostas ás preguntas das tarefas serven como evidencia da lectura. Non se considerará o nivel de competencia lingüística nin a complexidade narrativa das mesmas no concurso. No caso de niveis A1 e A2 permitiranse respostas que empreguen a lingua de lectura no caso de alemán, chinés, francés, inglés, italiano e portugués e o galego como lingua vehicular. No nivel A2 de ELE (español para estranxeiros) tamén se permitirá combinar español e outra lingua estranxeira de estudo na Escola Oficial de Idiomas de Lugo (alemán, chinés, inglés, italiano ou portugués). A partir do nivel B1 incluído será necesario empregar exclusivamente a lingua de lectura na tarefa.

4. SORTEO E PREMIO. O día 20 de xaneiro de 2025 realizarase un sorteo entre todas as achegas de tarefas relacionadas con préstamos da actividade Cita ás cegas. O alumnado que resulte afortunado será contactado o día 21 de xaneiro de 2025 por correo electrónico, empregando os datos de contacto indicados durante a matrícula do curso 2024/2025. Haberá un único premio, que será un vale para unha comida ou cea para dúas persoas nun restaurante de Lugo por valor de 50 euros.

5. DEREITOS DE AUTOR E DIFUSIÓN. A Escola Oficial de Idiomas de Lugo resérvase o dereito de reprodución, publicación e difusión das recensións durante un prazo máximo de 1 ano. Os autores ceden, sen contraprestación económica, o dereito de publicar os seus textos escritos ou orais na web e nas redes sociais da Escola, co único obxectivo de divulgar os resultados da actividade e fomentar a lectura crítica. Os autores poderán facer uso dos seus dereitos de propiedade intelectual mencionando o premio obtido neste concurso.

6. ACEPTACIÓN DAS BASES. A participación no concurso implica a aceptación íntegra destas bases. O incumprimento dalgún dos puntos expostos conlevará a exclusión do sorteo.

7. PROTECCIÓN DE DATOS PERSOAIS. Os datos persoais dos/as participantes serán utilizados unicamente para xestionar a súa participación no concurso e para as finalidades indicadas nestas bases. En ningún caso se utilizarán con fins comerciais ou para o envío de comunicacións alleas ao concurso. O tratamento de datos levarase a cabo conforme á normativa vixente de protección de datos. As persoas participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición enviando un correo electrónico a eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal ou dirixíndose á Escola Oficial de Idiomas de Lugo conforme ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Deixa unha resposta