“El teatro es poesía
que se sale del libro
para hacerse humana
y al hacerse humana
habla y grita, llora
y se desespera”
Federico García Lorca
En 1948, ao pouco de ter rematado a Segunda Guerra Mundial, diferentes personalidades do mundo teatral propuxeron, conxuntamente coa UNESCO, a creación dun Instituto Internacional de Teatro. Hoxe en día, o ITI (siglas de International Theater Institute) é a ONG máis importante no eido das artes escénicas. Tempo despois, nunha das súas reunións anuais, o presidente Arvi Kivimaa propuxo, en nome do Centro Finlandés e apoiado polos Centros Escandinavos, que fose creado un Día Mundial do Teatro. Esta proposta foi aprobada con aclamación, e elixiuse o 27 de marzo de 1962 como primeira xornada de celebración, coincidindo coa inauguración da tempada no Teatro das Nacións de París.
Desde o ano 1962, personalidades da talla de Jean Cocteau, Arthur Miller, Laurence Olivier, Jean Louis Barrault, Peter Brook, Edward Albee, Vaclav Havel, Richard Burton, Luchino Visconti,… emitiron a todo o mundo as súas mensaxes. En 1964, Laurence Oliver e Jean Louis Barrault escribiron un dos máis belos que se lembran. Nesa mensaxe dialogada, Jean Louis Barrault remataba dicindo: “O poder esencial do teatro é deixar de lado todo o que separa aos homes: diferenzas de raza, de educación relixiosa ou política, diferenzas de linguaxe; e por outra banda poñer de relevo todo o que os homes teñen en común: a risa e as bágoas, a alegría e a tristeza, a felicidade e a angustia, nunha palabra, o que é dominio do corazón. O teatro fai aparecer o corazón común de todos os homes, nisto é o máis eficaz vehículo de paz.”
Na edición de 2024, a celebración oficial do Día Mundial do Teatro terá lugar en Langfang (China) entre os días 27 e 29 de marzo. O autor da mensaxe anual será Jon Fosse, escritor e dramaturgo noruegués que gañou o Premio Nobel de Literatura en 2023. Nesta ligazón pódese ler a mensaxe en diferentes linguas. Esta leva por título orixinal en noruegués “Kunst er fred”, que significa “A arte é paz”, ou noutras linguas de ensino na EOI de Lugo “Kunst ist Frieden“, “艺术即和平“, “L’art c’est la paix“, “Art is peace“, “L’Arte è Pace” e “Arte é Paz“. Nas últimas liñas na mensaxe podemos ler: “A guerra e a arte son contrarias, ao igual que a guerra e a paz son contrarias; é tan simple como iso. A arte é paz.”
Nos tempos convulsos que vivimos, o teatro volve ser reivindicado como un vehículo de paz. Non deixedes de acudir aos escenarios, sexan grandes ou pequenos!