Neste momento estás a ver Nova edición do concurso Bookface!

Nova edición do concurso Bookface!

Gústanche os libros e a fotografía? Xogar e entrar na pel de diferentes personaxes? Se a resposta é afirmativa, anímate a participar na nova edición do concurso Bookface. Podes enviar as túas fotografías por correo electrónico (eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal) entre o 18 de marzo e o 14 de abril, ambos días incluídos. Entre o 15 e o 21 de abril realizaranse as votacións, e as dúas persoas máis votadas recibirán un agasallo da biblioteca da EOI de Lugo durante a semana do Día Internacional do Libro e os Dereitos de Autor (23 de abril). Regalaremos un vale de 30€ para gastar nunha libraría de Lugo.

Que fotografías son admisibles no concurso Bookface?

O reto creativo é personificar a portada dun libro, estender os límites das imaxes e fusionalas con algunha parte dun corpo. Nesta edición do concurso consideraremos válidas as fotografías que personifiquen as portadas cun corpo humano, sexa este real ou representado na vía pública en forma de escultura, graffiti,…. Tamén as que poidan personificar as portadas con corpos de animais. O que se busca é o efecto de convertir a portada dun libro en parte da nosa realidade. Non serán válidas as fotografías que non acaden este efecto.

Que libros podo empregar nas fotografías?

Valoraremos positivamente que se empreguen libros da biblioteca da EOI de Lugo. As persoas que o fagan terán máis puntos na votación final. Podes escoller un libro e levalo prestado para inspirarte en casa, ou tirar a fotografía na mesma escola cun dispositivo móbil e a axuda dalgunha persoa.

As imaxes terán que enviarse á biblioteca por correo electrónico (eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal) entre o 18 de marzo e o 14 de abril, indicando na mensaxe nome completo, curso no que se está matriculado/a e teléfono. Subiremos as achegas á conta de Instagram da EOI, xunto co nome ou pseudónimo, se así o indica o autor ou a autora no correo electrónico.

Como será o proceso de votación?

Este ano combinaremos a votación mediante “likes” en Instagram coa votación tradicional, e tamén consideraremos que os libros sexan do catálogo da biblioteca da EOI de Lugo. As cinco fotografías con máis “likes” en Instagram recibirán unha puntuación (100-80-60-40-20). Igualmente, as cinco fotografías mellor valoradas polos distintos departamentos da EOI. A esta suma engadiremos 50 puntos se o libro pertence ao catálogo da biblioteca da EOI de Lugo. As dúas fotografías que acumulen máis puntos serán as gañadores e recibirán o agasallo. As puntuacións serán comunicadas a todo o alumnado participante para máxima transparencia sobre o proceso.

O concurso Bookface foi organizado hai dous polas bibliotecas da EOI de Monforte e de Ribadeo, que se inspiraron na iniciativa da EOI de Tudela e nos #bookfacefriday da Biblioteca da Deputación da Coruña. Na EOI de Lugo convocámolo o ano pasado, así que podedes inspirarvos nas fotografías participantes da edición de 2023.

Deixa unha resposta