Os clásicos nunca morren! Chega a 9ª edición do concurso escolar de microrrelatos arrepiantes

O mes de outubro é un mes para acender a lareira e contar historias de misterio e medo a carón do lume. Autores como Rafael Dieste, Xosé Luís Méndez Ferrín e especialmente Ánxel Fole inspiráronse nesta tradición oral de aldea para escribir contos e relatos curtos.

Para estimular a escrita creativa entre o alumnado, a biblioteca da EOI de Lugo convoca por noveno ano consecutivo o Concurso Escolar de Microrrelatos Arrepiantes, unha actividade aberta a todas as linguas que se ensinan no centro (alemán, chinés, español, francés, galego, inglés, italiano e portugués).

Se es alumno ou alumna da EOI de Lugo durante o ano académico 2026/27, tanto de cursos regulares como de cursos monográficos e cursos de preparación de Celga ou LAG, podes participar enviando como comentario a esta entrada de blog unha breve historia de medo que non exceda das 50 palabras (ou caracteres no caso de chinés) en calquera das oito linguas de estudo da escola entre os días 6 de outubro e 6 de novembro de 2026. Para participar na votación final de mellores microrrelatos en cada lingua, os textos deberán estar acompañados da súa tradución ao galego e da súa gravación en audio (mp3), que se realizará na radio escolar coa axuda dos membros do equipo de biblioteca ou se enviará por correo a eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal no caso de ser realizada con medios propios na casa, respectando sempre o prazo indicado. Esta gravación será limpa de ruídos e edición, xa que na segunda semana de novembro ofreceremos na biblioteca actividades formativas para que as persoas interesadas ambienten sonoramente o seu microrrelato para aprender técnicas básicas de edición e realizarmos un podcast conxunto.

Se pasan os días e non atopas inspiración, non recorras á intelixencia artificial: participa o mércores 21 de outubro, ás 17.00h, na primeira sesión do grupo de escrita creativa da biblioteca escolar. O reto previsto terá relación coa escrita de microrrelatos arrepiantes.

Os mellores microrrelatos en cada lingua recibirán un libro como agasallo. Radio Rochoteca, a radio escolar da EOI de Lugo, tamén realizará un podcast con microrrelatos arrepiantes para documentar esta edición.

Esta é unha oportunidade para estimular a túa creatividade na lingua de estudo ou noutra lingua que coñezas e desexes practicar. Cada alumno ou alumna poderá participar con tres relatos orixinais distintos, sempre que correspondan a categorías lingüísticas diferentes.

Consulta as bases do concurso e anímate a participar! 

BASES DO VIII CONCURSO DE MICRORRELATOS ARREPIANTES

1. ORGANIZACIÓN. O certame está organizado pola Biblioteca da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, que pode ser contactada a través de correo electrónico [eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal].

2. OBXECTIVO E TEMÁTICA. Os microrrelatos, de formato libre (prosa, verso…), deberán ser historias de misterio, terror ou sucesos arrepiantes onde se explore o medo, o suspense e o fantástico. Poderá participar o alumnado matriculado en calquera curso da Escola Oficial de Idiomas de Lugo durante o ano académico 2026-2027.

3. REQUISITOS E ORIXINALIDADE. Os textos deberán ser orixinais e inéditos. O uso evidente de intelixencia artificial na redacción do texto orixinal será penalizado na fase de votación. Cada participante poderá enviar ata tres microrrelatos correspondentes a categorías lingüísticas diferentes.

4. CATEGORÍAS. As categorías de participación estarán divididas segundo as linguas impartidas na Escola Oficial de Idiomas de Lugo (alemán, chinés, español, francés, galego, inglés, italiano e portugués). No caso de español, establécese unha categoría especial de español para estranxeiros, destinada a alumnado de ELE. En total, polo tanto, haberá nove categorías lingüísticas.

5. EXTENSIÓN DO TEXTO. Cada microrrelato debe ter unha extensión máxima de 50 palabras ou caracteres (no caso do chinés), sen incluír o título, que é opcional.

6. FORMA DE PRESENTACIÓN. Os textos deberán publicarse na sección de comentarios da entrada de blog correspondente á convocatoria da 9ª edición do concurso de microrrelatos arrepiantes, incluíndo a versión orixinal e unha tradución ao galego cando o texto orixinal non sexa nesta lingua. No caso de alumnado de ELE e alumnado estranxeiro de calquera curso que teña especiais dificultades para realizar a tradución do seu texto ao galego poderá solicitar axuda aos membros do equipo de biblioteca, escribindo un correo a eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal.

O alumnado participante tamén deberá gravar o seu texto en audio, exportando a gravación en formato mp3. Esta gravación poderá realizarse durante o horario de apertura da biblioteca na radio escolar, solicitando a colaboración dos membros do equipo de biblioteca. Se dispón de medios na casa para realizar unha gravación de calidade suficiente que non teña ruído de fondo, poderá enviar o arquivo mp3 por correo a eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal.

O alumnado participante deberá enviar os seus datos de contacto (nome e apelidos, dirección de correo electrónico e grupo no que está matriculado/a na Escola Oficial de Idiomas de Lugo) por correo a eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal dentro do prazo estipulado. No asunto do correo electrónico débese indicar «Concurso de Microrrelatos Arrepiantes 2026».

7. PRAZO DE PRESENTACIÓN. O período de recepción dos textos iniciarase o día 6 de outubro de 2025 e finalizará o 6 de novembro de 2025 ás 23:59 horas CET.

8. PREMIOS. Concederase un premio para cada categoría, consistente nun libro na lingua do microrrelato gañador. Os galardoados serán anunciados na web da Biblioteca e nas redes sociais da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, sen incluír datos persoais.

9. DEREITOS DE AUTOR E DIFUSIÓN. A Escola Oficial de Idiomas de Lugo resérvase o dereito de reprodución, publicación e difusión dos microrrelatos premiados durante un prazo máximo de 1 ano. Os autores ceden, sen contraprestación económica, o dereito de publicar os seus textos na web e nas redes sociais da Escola, co único obxectivo de divulgar os resultados do certame e fomentar a lectura e a creación literaria. Os autores poderán facer uso dos seus dereitos de propiedade intelectual mencionando o premio obtido neste concurso.

9. COMPOSICIÓN DO XURADO. O xurado estará integrado por membros do equipo docente e da Biblioteca da Escola Oficial de Idiomas de Lugo. A decisión do xurado será definitiva e non se poderá presentar recurso contra a mesma.

10. CRITERIOS DE AVALIACIÓN. O xurado avaliará os microrrelatos en función dos seguintes criterios: orixinalidade, creatividade, calidade literaria e adecuación á temática do concurso.

11. VEREDICTO DO CONCURSO. O veredicto farase público o día 11 de novembro de 2025. A resolución publicarase tanto na páxina web da Biblioteca como nas redes sociais da Escola Oficial de Idiomas de Lugo. Os gañadores serán contactados previamente por correo electrónico.

12. ACEPTACIÓN DAS BASES. A participación no concurso implica a aceptación íntegra destas bases. O incumprimento dalgún dos puntos expostos conlevará a exclusión do certame.

13. PROTECCIÓN DE DATOS PERSOAIS. Os datos persoais dos/as participantes serán utilizados unicamente para xestionar a súa participación no concurso e para as finalidades indicadas nestas bases. En ningún caso se utilizarán con fins comerciais ou para o envío de comunicacións alleas ao concurso. O tratamento de datos levarase a cabo conforme á normativa vixente de protección de datos. As persoas participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición enviando un correo electrónico a eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal ou dirixíndose á Escola Oficial de Idiomas de Lugo conforme ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Esta entrada ten 13 comentarios

  1. María Elena Varela Vázquez

    O FAIADO
    Subo os chanzos, a madeira renxe, aínda escoito á avoa dicir- non subas!!!…Hoxe nada mo impide, meto a chave na fecha dura, o aire cheira a mofo, a luz da claraboia ilumina á randeeira a abanear. Unha sombra empúrrame ao interior, en fronte a que nunca coñecín, agora pantasma.

  2. Jasmin Zambrano Cadenas

    A nena das seis

    Todos os días, ao chegar á casa, saudaba a unha pequena no portal, sempre ás seis da tarde. Mais un día, cando cheguei, non estaba. Pareceume estraño. Subín ao seu apartamento e chamei á porta. Preguntei por ela e a súa nai díxome:

    —A miña filla morreu hai dous anos.

    Ao saír, eran as seis.

  3. Jasmin Zambrano Cadenas

    “A nena da seis”
    Todos os días, ao chegar á casa, saudaba a unha pequena no portal, sempre ás seis da tarde. Mais un día, cando cheguei, non estaba. Pareceume estraño. Subín ao seu apartamento e chamei á porta. Preguntei por ela e a súa nai díxome:

    —A miña filla morreu hai dous anos.

    Ao saír, eran as seis.

  4. María F

    The receptionist swore Room Thirteen didn’t exist.
    Every midnight, three knocks.
    On the seventh night, I opened my door. A faceless woman stood in the darkness.
    “Don’t let them find you,” she breathed.
    Behind me, the receptionist whispered, “Too late.”
    I turned.
    My door bore the number thirteen.

    TRADUCIÓN:
    A recepcionista xuraba que a habitación trece non existía.
    Cada medianoite, tres golpes.
    Na sétima noite, abrín a porta. Unha muller sen rostro agardaba na escuridade.
    -Non deixes que te atopen -murmurou.
    Detrás miña, a recepcionista susurrou:
    -Demasiado tarde.
    Xireime.
    Na miña porta figuraba o número trece.

  5. Irene Pombo González

    Every Halloween, I hear three blows at midnight. Last year, I opened the door, but nobody was there. On the floor was a wet note: “Don’t look behind you.” I laughed nervously. Then, a cold breath touched my neck. My phone rang. The message said: “I’m already inside.”.

    Cada Samaín escoito tres golpes á media noite. O ano pasado abrín a porta mais non había ninguén. No chan había unha nota mollada que poñía “Non mires detrás túa.” Eu rinme nerviosa. Entón, un alento frío tocoume o pescozo. O meu teléfono sonou. A mensaxe dicía: “Xa estou dentro”.

  6. Mª José Crecente García

    RELATOS ARREPIANTES 2026 (Mª José Crecente García-Inglés B2.2)

    The night was foggy and cloudly, althougt a full moon was shining up in the sky. The howl of a wolf was sounding in the background when, suddendly, I felt a shadow behind me. I turned arround, but I couldn’t see anything, only a extrange blizzard. Could it be a spirit?

    A noite era neboenta e nubrada, ainda que unha lua chea brillaba no ceo. O ouveo dun lobo escoitabase ao lonxe cando, de súpeto, sentín unha sombra detrás de min. Voltei, mais non puiden ver nada, só unha estraña cellisca. ¿Podería ser un espírito?

  7. Francisco Vázquez

    Escuridade, silencio.

    Non lembraba como chegara alí.

    Só escuridade.

    Só silencio.

    Medoso e dorido quería fuxir.

    Impulsivamente empurrou a porta que o prendía e, tras ceder, apareceu nun dormitorio.

    De socate, un terrorífico berro asolagou a estancia: o pánico dunha nena ao ver como do seu armario saía unha pantasma.

  8. Luís Pereira

    I realized that the accident was certainly serious when I saw the first to appear near my car on fire was my father, who had died one year before.

    Comprendín que o accidente fora verdadeiramente grave cando vin que o primeiro que se achegou ao coche ardendo era meu pai, que morrera un ano antes.

  9. Miguel Pérez

    Miguel.

    Teño que volver ao dentista. Teño unha tremenda dor de moas e todo por ser tan testana Dirame o de sempre, que teño que utilizar os interdentais. Xa sei que sempre me quedan os ósiños cravados nas enxivas, mais como deixar de comelos cando son naipelos? Son tan tenros!

  10. Miguel Pérez

    That night there was a full moon and the earth gave off that wonderfully pleasant smell of damp soil. Everything was peaceful; not even the hoot of an owl or the silent flutter of a bat’s wings could be heard. But, why had I woken up inside this coffin?

    Aquela noite había lúa chea e a terra desprendia ese petricor tan pracenteiro. Todo estaba en calma; nin sequera se escoitaba o canto do bufo ou o bater de ás calado dalgún morcego. Pero, por que espertei dentro deste cadaleito?

  11. manuel besteiro

    Pasando as follas no calendario , acercase o sanain empezo miar pra todos os lados cando quedo so na casa, isto no sabe ninguen pois levo o medo dentro.o asubio do vento e cuxir da madeira da escaleira que leva o cuarto e un sacrificio que non levo ben , meu curman que vive connosco sabeo e aproveitase diso para vengarse das falcatruadas qu elle fago o largo do ano

  12. M. Mazoy

    Mi nascondo!
    Federico ha le mani sporche di sangue…!
    Cosa sta cercando?
    È agitato!
    Va avanti e indietro!
    Mi ha vista!
    Trattengo il respiro.
    I suoi passi si fanno sempre più vicini.
    Si ferma proprio accanto ai miei piedi!
    Mi copro la bocca!
    Non urlare!, mi dico!
    Schsss!
    Sono spacciato!

    Escóndome!
    Que está a suceder?
    É Federico, ten sangue nas mans…!
    Que busca?
    Está inquedo!
    Móvese dun lado cara outro!
    Veume!
    Conteño a respiración.
    Os seus pasos escoitanse cada vez mais cerca.
    Detense aos meus pes!
    Tapo a boca!
    Non berres! penso!
    Achis!
    Estou acabada!

  13. Lucía Folgueira

    A STRANGER IN MY HOME
    I had just bought a flat. One winter night, while I was cooking, a picture fell. I picked it up and saw an old woman’s shadow in the window. I looked back, but nobody was there. When I turned around, I saw a bloody message on the wall: “Welcome home.”

    UN EXTRAÑO NA CASA
    Mercara un piso fai pouco. Unha noite de inverno, mentres estaba cociñando, un cadro caeu o chan. Collino e vin a sombra dunha muller maior na ventá. Mirei cara atrás e non había ninguén. Ao darme a volta, vin unha mensaxe escrita con sangue na parede: “Benvida a casa”.

Deixa unha resposta