A próxima semana realizaremos préstamos de verán para que poidas ler ou ver filmes na túa lingua de estudo durante as vacacións. As condicións do préstamo son as habituais: o alumnado da EOI de Lugo poderá levar prestados tres materiais do catálogo da biblioteca e devolvelos no mes de setembro. Para realizar préstamos de verán é imprescindible ter devoltos todos os libros, DVD ou publicacións periódicas que se levaron prestados durante o curso.
Entre os días 20 e 24 de maio, a biblioteca da EOI de Lugo terá un horario especial de apertura e atención ao público porque xa non hai clases e estamos en período de exames. Durante esas horas tramitaremos os préstamos de verán e manteremos aberto o mercado solidario de libros, CD e DVD para que a comunidade educativa poida seguir colaborando coa Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, que é a entidade social beneficiaria da recadación deste ano. As persoas que o dexesen tamén poden empregar a biblioteca como espazo de estudo, aínda que para esta finalidade xa está habilitada a aula 7.
Que libro levar prestado para este verán?
Se non estás familiarizado/a cos fondos da biblioteca, recomendámosche que consultes o catálogo ou lle preguntes ao profesorado. Actualmente hai máis de 10.000 exemplares rexistrados en oito linguas: alemán, chinés, español, francés, galego, inglés, italiano e portugués. Periodicamente actualizamos o catálogo con novos títulos. Durante este curso 2023-2024 incorporamos decenas de libros, principalmente en galego, inglés, italiano, portugués e chinés.