Día Mundial do Libro e os Dereitos de Autor

Hoxe, 23 de abril, é unha das datas máis sinaladas no calendario das bibliotecas, as librarías e as institucións comprometidas coa promoción da lectura. O Día Mundial do Libro e os Dereitos de Autor foi proclamado pola UNESCO na súa Conferencia Xeral de 1995, coa vontade de fomentar a lectura, a edición e os dereitos de autor.

Naquel momento, hai case trinta anos, non coñeciamos máis artefacto de lectura que un libro en papel. Neste tempo, as industrias culturais experimentaron profundos cambios coa revolución tecnolóxica, e hoxe en día conviven diversos formatos, como o libro electrónico ou o audiolibro, que están totalmente aceptados. Este novo ecosistema multimedia tamén levou a reflexionar máis sobre o significado da lectura. É o libro tradicional en papel o único artefacto de lectura válido? Coa chegada e popularización de dispositivos electrónicos que permiten diferentes vías de acceso a un mesmo texto é obvio que non, pero igualmente habería que preguntarse se cando miramos unha obra audiovisual non estamos lendo un texto noutro formato. Nalgunhas linguas que estudamos na EOI de Lugo, como o chinés, “mirar” e “ler” son accións comunicadas co mesmo significante. 看 tanto vale para dicir que leo un libro 我看书, como para dicir que miro unha película 我看电影. Esta conexión entre mirada e interpretación é ancestral, mais agora está cobrando relevancia cultural cos cambios tecnolóxicos. As bibliotecas hai tempo que se abriron a outros formatos, incluíndo material multimedia nas opcións de préstamo, pero aínda temos o reto de ampliar a oferta de artefactos de lectura e promover, con iso, a accesibilidade de todo o alumnado.

O libro é a ponte simbólica que nos permite ler. Hoxe en día hai moitas pontes para o desfrute e o coñecemento a través da lectura, pero o importante é sempre o camiño, saber camiñar por esas pontes. Neste Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor celebremos que hai moitas maneiras de ler e todas son igual de válidas. Collamos un texto e leamos, en voz alta ou para nós mesmas. Camiñemos por esas pontes.

Deixa unha resposta