Neste momento estás a ver Unha historia curiosa sobre o Día da Non Violencia e da Paz

Unha historia curiosa sobre o Día da Non Violencia e da Paz

Son a lingua, a poesía e a reflexión unha progresión mental? Ou son tres actividades que se retroalimentan? Ou son as dúas cousas? Tal xogo intelectual admite varias respostas ou mesmo o inicio doutras cuestións. Tal vez nin sexan as preguntas adecuadas segundo o foco a ter en conta. Con todo, hai unha persoa do eido da educación e da poesía que ben pode representar na práctica a contestación afirmativa a esas preguntas. Trátase do profesor e poeta mallorquino Llorenç Vidal, tamén coñecido polo seu nome en castelán, Lorenzo Vidal. Nado no inicio do século XX e aínda presente entre nós, a súa longa traxectoria académica e laboral desenvolveuse no eido da educación. A  súa obra literaria do xénero poético, así como no ensaio sobre o tema da educación, recibiu numerosos premios e recoñecementos en todo o mundo. No entanto, a súa obra máis importante e mundialmente recoñecida é a DENIP/DENYP: o Día Escolar da Non-Violencia e a Paz

Llorenç Vidal desenvolveu un proxecto para favorecer a conciencia educativa nos cativos e adolescentes co obxecto de orientalos cara a unha convivencia para a paz. Púxoa en práctica en pleno réxime ditatorial. Instaurou como data para celebralo o día da morte dun dos principais activistas pola paz do século XX, Mahatma Gandhi. Este proxecto de Vidal iníciase coas súas bases establecidas en 1964. Unha década máis tarde, o Ministerio de Educación y Ciencia recoñecerá esa xornada de reflexión e, en 1993, a ONU tamén establecerá esta xornada conmemorativa na educación. Actualmente, o DENIP comemórase en todo o mundo cunha diferenza de data: como no hemisferio sur o calendario escolar é diferente (en xaneiro hai vacacións) o día a celebrar é o 30 de marzo. 

O proxecto educativo non se resume nunha celebración. Trátase de desenvolver a conciencia dos dereitos e deberes de toda persoa nunha sociedade, de recoñecer e respectar a diversidade, de desenvolver unha responsabilidade para a convivencia pacífica e de aprender unha forma non agresiva na resolución de conflitos. Este é o legado educativo dun poeta, profesor e inspector de educación mallorquino para o mundo. Aproveitemos as ferramentas coas que contamos, que son as mesmas utilizadas por Llorenç Vidal,  para participar neste proxecto educativo tan próximo a nós.

Deixa unha resposta