Gustaríache formar parte do equipo de biblioteca? Se che encantan os libros e axudar ás persoas, non o dubides: este vai ser o teu lugar preferido da escola. Non só gozarás dun espazo máxico e acolledor, tamén poderás colaborar connosco realizando tarefas de xestión (préstamos, devolucións,…), de alfabetización mediática e informacional (aprendizaxe e apoio no uso de novas tecnoloxías e recursos dixitais), de promoción da lectura ou de dinamización cultural. Ademais, o teu labor recoñecerase cun diploma acreditativo de entre 15 e 30 horas de voluntariado que pode computar para créditos de libre configuración ou na puntuación de procesos de concurso-oposición.
Por riba disto, este curso 2024-2025 varias persoas voluntarias da biblioteca poderán vivir unha experiencia moi enriquecedora: terán a posibilidade de realizar unha mobilidade internacional a Portugal nos meses de primavera, no marco do programa europeo Erasmus+ M+I+S Metodoloxía, inclusión e sostibilidade. Cara a unha EOI máis inclusiva e sostible para coñecer de primeira man o funcionamento dalgunhas bibliotecas do país veciño.
A única condición é que esteas matriculado/a na EOI de Lugo no presente curso escolar. Apetéceche saber máis? Ven á biblioteca ou escribe un correo a eoi.lugo.biblioteca@edu.xunta.gal e darémosche máis información. Se xa estás decidido/a, indica a túa dispoñibilidade horaria no correo electrónico que envíes. Para garantir un maior horario de apertura da biblioteca, preferimos que se escollan franxas horarias que aínda non están cubertas polo profesorado, mais se non é posible podes unirte igualmente ao equipo.
Agardámoste! E como dixo J.K.Rowling: “En caso de dúbida,… vai á biblioteca.”