As fotografías participantes na segunda edición do concurso Bookface xa están publicadas e recibindo likes na conta da EOI de Lugo en Instagram (@eoidelugo). O prazo para enviar bookfaces á biblioteca e concursar rematou o pasado 14 de abril, ás 23.59 horas. O luns, 15 de abril, as seis fotografías enviadas en prazo foron publicadas en Instagram (@eoidelugo) para que a comunidade educativa poida participar no proceso de votación ata o domingo, 21 de abril, incluído.
Proceso de votación
Nesta edición do concurso Bookface, coa finalidade de corrixir as posibles desigualdades que puidese ter unha votación exclusivamente a través de Instagram, decidimos poñer en marcha un proceso de votación mixta que tamén inclúe aos departamentos da EOI de Lugo. Cada fotografía recibirá unha puntuación en función dos seus resultados na votación por Instagram e na votación por departamentos. Se no concurso se empregou material do catálogo da biblioteca da EOI de Lugo, á valoración recibida engadirase unha puntuación extraordinaria. Como todas as fotografías participantes na segunda edición do concurso Bookface empregan material do catálogo da nosa biblioteca, esta novidade das bases non marcará diferenza algunha.
Anuncio de gañadores/as
Agardamos poder comunicar as persoas gañadoras o vindeiro martes, 23 de abril, a través das redes sociais da EOI de Lugo en Instagram, Facebook, X e Telegram (@eoidelugo). No Día Mundial do Libro e os Dereitos de Autor, as dúas persoas participantes con achegas mellor valoradas na puntuación total recibirán como agasallo un vale de 30 euros para gastar nunha libraría local. Premiaranse as dúas persoas participantes mellor valoradas, non as dúas fotografías mellor valoradas, para que sexan dúas persoas diferentes as que reciban agasallo, non unha mesma persoa que teña enviado varias fotografías.
Controversias sobre as bases do concurso
Nesta segunda edición tratamos de concretar moito máis as bases do concurso Bookface, sobre todo en aspectos como que se considera un bookface, a obrigatoriedade ou non de empregar material do catálogo da nosa biblioteca ou como se desenvolvería o proceso de votación, xa que somos conscientes de que na primeira edición houbo queixas sobre a decisión de cualificar ou descualificar achegas. Con todo, parece que non fomos suficientemente claros e tamén recibimos críticas a través de comentarios en Instagram por ter admitido unha fotografía realizada coa portada dun DVD que forma parte do catálogo da biblioteca da EOI de Lugo, cando nas bases do concurso empregábase a palabra “libro”. Desde un punto de vista bibliográfico, nós entendemos o libro e tamén a lectura en sentido extenso. Ao usar a palabra “libro” nas bases do concurso facemos referencia a un artefacto de lectura que teña portada, xa que nesta actividade creativa é a portada o que máis interesa. Un DVD ou unha publicación periódica das que temos en préstamo na biblioteca, polo tanto, é totalmente aceptable. O importante aquí é que a fotografía cumpra co reto creativo que se propón: empregar unha portada dun “libro” (enténdase como artefacto de lectura, e en sentido amplo a lectura audiovisual tamén é lectura) para fusionar ese obxecto co corpo (preferentemente humano, aínda que nesta edición tamén se permitía expresamente que aparecesen corpos de animais ou figuras humanas representadas a través da escultura ou outra expresión artística). A fotografía que se está impugnando por ter empregado unha portada de DVD, polo tanto, cumpre con ese reto creativo e é totalmente admisible desde o punto de vista da biblioteca.
Publicamos esta aclaración no blog porque consideramos que a persoa participante no concurso Bookface non merece ser xulgada publicamente a través dos comentarios de Instagram. É a biblioteca a que asume a crítica e a responsabilidade de concretar máis as bases dos concursos para que non haxa controversias. Recibimos as críticas con agrado, en sentido construtivo, porque nos animan a mellorar. Con todo, tamén consideramos inxusto que se aproveiten as redes sociais para esaxerar unha falta de concreción nas bases dun concurso escolar e desacreditar así todo o traballo de dinamización que se realiza desde a biblioteca, xa que esta conducta dana a imaxe do centro e intoxica o ambiente de xeito prexudicial.